Monday 20 de May de 2024

Sánchez Bugallo: “O Partido Popular mantivo unha posición irresponsable e mesmo cínica condenando ao Ensanche á parálise”


En rolda de prensa, este xoves, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo endureceu o ton ante a “falta de responsabilidade e altura de miras” dos grupos da oposición que no pleno do pasado mércores frearon a operación Peleteiro, cun proxecto que “contaba co acordo maioritario dos axentes sociais deste ámbito” e que “priorizaba o interese xeral creando un espazo público de calidade” destacou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, tamén na rolda.

O Partido Popular votou en contra da operación urbanística pola que o edificio do antigo colexio Peleteiro pasaría a ser unha gran praza pública a un único nivel e cunha zona verde, destinándose ao uso residencial cun 20% de vivenda protexida e reservando espazo para un novo centro de día e un centro sociocultural. Unha actitude “irresponsable e cínica” criticou o alcalde. Xosé Sánchez Bugallo explicou que actualmente nesa parcela ubicada entre San Pedro de Mezonzo e República Arxentina, atendendo ao Plan Xeral en vigor, podería ubicarse un enorme centro comercial con usos hoteleiros que tería varias plantas máis de altura que as actuais e deixaría unicamente unha rúa entre ambas edificacións de 30 metros de ancho.

“Todo o que figura no PXOM actual é derivado do Plan Especial de Reforma Interior aprobado por unanimidade pola corporación en 2004 na que estaban o PP, BNG e PSOE” explicou o alcalde, pero “logo de 20 anos as cousas cambiaron e as demandas e necesidades do Ensanche tamén, por iso se debe acometer esta reforma que desde o Partido Popular, nun acto de irresponsabilidade, se negan a facer” poñendo ademais “en risco que a propiedade poida facer o que a actual ordenanza lle permite”.

E é que os conservadores insiste na súa proposta de mercar a parcela, algo “inasumible orzamentariamente” posto que “só a parcela roldaría os 18-23 millóns de euros, e requiriría ademais unha gran inversión as obras de remodelación”. Unha proposta que Sánchez Bugallo tachou de “irreal” e un “insulto á intelixencia”, porque “ se tiveramos, que non as temos, esas decenas de millóns de euros, a orde de prioridades non nos levaría a facer unha piscina climatizada no Ensanche, senón a levar os servicios esenciais ao rural ou mellorar as infraestruturas dos barrios”.

Porén, Sánchez Bugallo non ocultou o previsible da actitude obstrucionista e desleal coa cidade do Partido Popular: “fixeron o mesmo cando propuxeron un parking na Praza de Abastos que, despois de facer varias catas, asumiuse que era inviable polos xacementos históricos que hai debaixo ou cando acusaron de ‘pelotazo’ a obra do Palacete do Espiño que, coa chegada de Conde Roa ao goberno, pretendían converter nun parque de vivenda libre, iso si que tería sido un ‘pelotazo’ ”.

Unha proposta de consenso

A proposta pactada cos axentes sociais que o goberno de Sánchez Bugallo sometía a votación plenaria contemplaba unha praza pública de 49 metros cara San Pedro de Mezonzo e outra apertura de 20 metros cara República de Arxentina, xerando “un novo espazo público de calidade para o desfrute dos veciños do Ensanche, e que facilitaría a dinamización comercial do barrio” insistiu a concelleira de Urbanismo.

Recordouse na rolda de prensa que, logo da Comisión Mixta informativa que se convocou o 28 de marzo de 2022, todos os axentes sociais alí representados apoiaron a proposta. “Houbo unanimidade, tamén secundada por Raigame, e Compostela Aberta anunciou que ía facilitar a modificación do plan”, detallou o alcalde. De feito, en rolda de prensa o 24 de xuño, Marta Lois e Jorge Duarte de Compostela Aberta, anunciaron que “viabilizarían” esa actuación. “Incumpriron a palabra dada” denunciou Sánchez Bugallo que, a preguntas dos xornalistas, considerou que se pode deber “a un cambio de voceira, á proximidade das eleccións ou a un intento de axuste de contas mais, o que desgraciadamente non pesou nada na súa decisión son os veciños e veciñas de Compostela”.